Boas soci@s,
Xa levamos mais dun mes co ximnasio pechado pero non nos esquecemos de vós, de feito estamos desexando vervos de novo! (Se queredes podedes publicar algunha foto/vídeo adestrando na vosa casa e etiquetarnos en Instagram (@softeesportstraining) ou en Facebook (@softeesports)).
Sabemos que ao non ter o contacto directo que mantiñamos no ximnasio é para algúns máis compricado manter a motivación para adestrar. Para outros ocorre que eventos para os que se estaban a preparar foron pospostos ou cancelados; quizais teñas que facer de profesor/a mentres traballas a distancia. Ademais pode que esteas preocupado polo traballo, a túa saúde e a dos teus. Pero non son razóns, ningunha delas, para non facer algo de exercicio.
Está claro que non é o mellor clima para que a quen lle costa facer exercicio siga adestrando, sen embargo, dende Softeesports somos optimistas e esperamos convencervos para que vos levantedes do sofá e cheguemos a reapertura na mellor forma física posible.
Aquí vos deixamos tres razóns que vos propón o noso monitor Jose Penas polas que deberiades seguir (ou comezar) a facer exercicio en casa:
(se non tedes a aplicación Trainingym solicitádea en info@softeesports.com).
Razón 1: Poderás manterte en forma (aínda que fagas menos volume do habitual)
Soa obvio, pero se paras de todo, perderás forma física e canto máis dure esa pausa máis forma perderemos. Todos somos conscientes de iso e pode que nos cause certa ansiedade, pero conservemos a calma, non todo é malo.
Un parón coma este pode axudarnos a recuperarnos dalgunha lesión, de sobreadestramento, descubrir outras disciplinas do fitness que nunca practicáramos (na aplicación Trainingym podes atopar varias), descubrir na internet outros deportes polos que nos sintamos atraídos, etc. É o momento de probar cousas novas!
Hai evidencia de que un pouco de adestramento semanal retrasa a perda de forma física máis do que pensamos. Procura incluir no teu día a día polo menos 30’ de actividade física (3 a 5 veces por semana), e que unha parte de esa actividade sexa de alta intensidade (sempre que non exista ningunha contraindicación para iso). O primeiro que se perde é a velocidade pero a resistencia perdura máis tempo.
O que temos que procurar é manter masa muscular e facer algo de adestramento interválico (tipo Hiit, Tabata, Tonificación, Queimagraxas). Na aplicación Trainingym atoparemos clases para cumplir estes obxectivos e tamén para realizar un quecemento e volta a calma axeitadas. Se este tipo de clases non te convencen ou non son axeitadas para ti tamén atoparás clases de baile, pilates e ioga que te axudarán a cumprir os teus obxectivos.
Poida que o nivel cardiovascular que tiñas antes baixe, por non poder correr, montar en bicicleta ou nadar, pero non será tanto como pensas se fas algo do que che comento no parágrafo anterior. Ademais se non facías ese tipo de traballo veraste beneficiado cun “core” e uns músculos máis fortes do habitual, o que che fará render máis en calquera deses deportes nos que acostumamos a esquecernos do traballo de tonificación.
O mesmo aplica para os que só adestran con pesas no ximnasio, para os que só asisten a clases de zumba, para quen só vai a pilates, para quen só fai ciclo indoor, etc… Na variedade está o gusto, e máis nesta época na que podemos cansarnos de facer sempre os mesmos adestramentos.
Mantente forte e procura buscar un oco para facer algo de exercicio, asegúroche que manterás a forma mellor do que pensas!
Razón 2: Sentiraste máis feliz
En momentos de estrés, necesitamos toda a axuda que poidamos conseguir. Iso é polo que o exercicio regular é a mellor cousa que podemos facer. Entre os beneficios da actividade física está a diminución do estrés, mellor sono nocturno, menores taxas de depresión, aumento da autoestima, etc. Sen embargo, unha vez que estamos acostumados a eles, é inevitable unha caída se nos vemos forzados a parar de todo por calquera razón.
Por iso é tan importante que fagas todo o exercicio que poidas (xa nos entendemos, non se trata de facer bicicleta estática tres horas ao dia). Entre 20’ e 2 horas ao dia diría eu que sería o axeitado, dependendo do teu nivel de forma física de partida.
Se non adestras tantos días como o viñas facendo anteriormente é entendible, pero procura non botar máis de 2 días sen exercitarte.
Hai alternativas para todo o mundo, quen viva nunha casa “unifamiliar” pode facer exercicio subindo e baixando escaleiras, trotando nese pedaciño de finca que ten anexa, etc. Para os que viven en pisos haberá que facer circuítos de adestramento sen material ou utilizando unha silla, unha garrafa de auga, etc. O importante é facer algo, e sempre incluír unha parte de “cardio” para liberar endorfinas e aumentar esa sensación de benestar asociada á actividade física.
Razón 3: Visión de conxunto
Pode ser difícil motivarse, podes sentir que che puxeron unha parede en fronte túa agora que estabas a cambiar os teus hábitos sedentarios, agora que te apuntas ao ximnasio ocorre isto e volves ao punto de partida…
Non desesperes, o único que necesitas e fixarte no conxunto, ser optimista e pensar que a actual situación se resolverá máis pronto ca tarde. Terás ganas de saír, de botar menos tempo na casa do que viñas facendo antes, de facer máis deporte…
Por exemplo, pensa que en 4 meses queres ser capaz de correr a túa primeira carreira popular (ou os teus primeiros 10 km seguidos). Tamén pode ser que te queiras apuntar por primeira vez ás clases de Softee Cross, de HIIT, de Tonificación… É importante marcarse un obxectivo que che axude a manterte en forma estes días, sentir que adestras para algo (se é que as dúas primeiras razóns non son suficientes para ti).
O estado de forma vaise construíndo ao longo dos anos. A resistencia, a velocidade e a forza melloran continua e lentamente, pode baixar lixeiramente en épocas coma a actual (porque non sexamos capaces de adestrar normalmente), pero se non paramos, ao retomar a actividade habitual seguiremos mellorando. Así que forza a todos!
Recordade que nada dura eternamente, así que mantede a perspectiva e facede o máximo para mantervos en forma e positivos!
Boa sorte e coidádevos!
You must be logged in to post a comment.